lunes, 13 de diciembre de 2010

De volta

Despois do inciso... voltan a aparecer as palabras neste panel branco.
Quero saúdar aos novos lectores. Non sei se vos sorprendín gratamente ou se vos defraudei. O caso, é que para a primeira persoa que escribo, é para min. Son a máis crítica e a máis fiel.
Hoxe, coas datas do Nadal sobre a caluga, ou envolvendo o ambiente, según como se viva o acto, vou agradecer ou reprobar.
Os agradecementos, van dirixidos a:

· Ás persoas que están na miña vida porque o desexan. Que disfrutan conmigo, solidarízanse conmigo, querénme, aconséllanme, repréndenme, anímanme...


· Ós meus pequenos madrugadores. Que, cos seus berros, risas, contos, etc., proporciónanme traballo, e endozan a miña vida.


· Ás miñas fillas. Sobran palabras. E, ó membros da miña familia que están aí.

· A Google, por permitirme chegar aos que así o queredes.


· Aos meus expertos teatreiros, que, ademáis de deixarme a gorxa desfeita, proporciónanme momentos de gran ledicia.


· Se estás incluído nalgún destes grupos, felicítote, senón trata de atoparte nos seguintes

Chega o intre das reprobacións:


· Reprobo as actitudes egoístas, que fan sufrir a moitos para o beneficio dunha soa persoa.


· Á mentira, á violencia, ó desprezo...


· Ós gobernantes de discurso aprendido. Ós opositores de discurso aprendido.


· Ós deportistas tramposos.


· A aquelas persoas que se consideran en posesión da verdade. Sempre rebaten aos outros. Sempre tan seguros de sí mesmos. Cobardes, a maioría das veces.


·Ós que só dan algo a cambio de algo. Ós que non dan nada. Ós que descoñecen o verbo "dar".


· Ós que basándose en motivos relixiosos, políticos, estéticos, etc, denostan e insultan, ou asasinan.


· A toda especie humana que abandoa as súas mascotas. Ou ós seus conxéneres.


· A mín. Por ser incauta. Por ser hipersensible. Por ser confiada en exceso. Por ser un cabalo de Atila, cando debía ser unha tartaruga. Por ser unha tartaruga cando debía ser unha bolboreta...

martes, 7 de diciembre de 2010

Maná

Hoxe adícolle esta entrada a un grupo musical que a mín me gusta. Non só por como interpretan, que tamén, se non polo que dín.
Gústanme un montón de cancións da súa andaina musical, pero hai dúas en especial que me fascinan. Unha é "clavado en un bar". Fala dun home que acaba vítima da barra dun bar, por desamor. Supoño que moitos de nós coñecemos casos así. Xente egoísta, ou tal vez cobarde que rodean o seu espazo de toxos e logo non poden saír nin pode entrar ninguén. Eu particularmente sabía dunha historia similar que rematou desa maneira. E coñezo outras que van camiño diso.
Outra das cancións,titúlase "Rayando el sol". Unha das frases desta dí:"Es más fácil llegar al sol que a tu corazón". Unha historia que encaixa perfectamente coa narrada na outra. O home(ou a muller) do toxo.
Sempre que as escoito, lémbrome daquel home que eu coñecía e rematou a súa vida vítima dun cancro de fígado. A miña nai sempre dicía que ese home non era así, e acabou desta maneira porque non tivo valor para aceptar o amor dunha muller, e, tampouco para vela emparellada con outro home do pobo pasados uns anos. Pobre.
Se lés este blog, e corres perigo de que che pase o que lle aconteceu a Laureano, cóidate. Se te coñezo, non me gustaría acordarme de ti cando escoite a Maná.
A verdade,é que toda a discografía destes mexicanos xira en torno ao desamor. Pero hai moitas maneiras de cantar a mesma cousa. E a súa é mesmo perfecta.

lunes, 6 de diciembre de 2010

El camino

Hoxe sentínme un pouquiño soa, asi que a mellor opción que atopei, foi acudir ao cine. E, desde logo, fun o meu cine favorito. O da rúa Via Norte. Xa sei que non é o máis bonito, nin ten as mellores condicións de comodidade, nin che dá a garantía de que se se che senta unha persoa de elevada estatura diante, poidas ver o film medianamente ben, pero pola contra, non soan móbiles, hai boas películas, e, eu particularmente, síntome moi a gusto.
A película que escollín, foi a chamada "The way"(El camino). Trata sobre o Camiño de Santiago. Claro que o cine magnifica todo aquilo que toca. Mais, neste caso, a emoción que te embarga durante a reproducción da película, é de verdade.
É certo que, para mín, entusiasmada pola idea de facer o Camiño, obedecendo a un reto personal, isto supuxo un empurronciño máis na miña intención. Porque non sei se a vida me regalará tempo para cumprilo, ou se as condicións físicas, ou ata intelectuais, serán propicias para dar cabo do asunto, pero, o caso, é que o prazo para levar a bo remate esta acción, debe ter o seu inicio e o seu fin, no vindeiro verán.
Nesta película, o protagonista comeza o Camiño Francés, sustituíndo o seu fillo, que faleceu recén comezada esta aventura, exáctamente no primeiro día, víctima dunha tronada nos Pirineos. Así que, o seu pai decide concluír a ruta coas cinzas do finado para depositalas en Santiago. Coma sempre, aparecen outros persoaxes que comparten o traxecto con él. Un escritor irlandés, un tanto fracasado, que decide novelar a vida do protagonista, unha muller canadiense, muller maltratada, que se viu na circunstancia de abortar e non conseguiu superalo, e un holandés apegado os praceres terrenais, cuxo fin é enfraquecer para aproveitar un traxe na boda do seu irmá e reconquistar a súa muller. Todos eles cos seus medos, pero coas súas ganas de saír adiante e chegar a Santiago.
A mín este film, serviume para reafirmarme, para apostar polo meu reto, para prometerme a mín que, se non atopo acompañante para realizalo, levareino a cabo soíña. Non sei a onde chegarei, porque o meu sentido da orientación é case nulo. Mais, xa conseguirei un método para saír adiante coa camiñata. Aínda que, eu non o vexo coma unha camiñata, nin teño motivo relixioso, nin pretendo medirme en forzas, nin obter un documento que acredite que o fixen. Tan só quero atopar a frase adecuada que me permita parar o cabalo de Atila que as veces levo dentro.
Espero escribir algún día as miñas experiencias neste blog a propósito desta viaxe. Sei que non faltará dor, nin desesperación, nin ledicia, nin sorpresas de todo tipo. Seguro que haberá nomes de persoas, de lugares, de animais ou de prantas. Pero, a que ha de dar conta de todo iso, debo de ser eu... Iso espero.
Ei de rematar dicindo que hoxe é o día da Constitución. Alguén me dixo que a entrada de hoxe debía adicarlla a este asunto. Pero, xa haberá quen o faga de abondo. Porque a pesar da súa importancia, non deixa de ser un conxunto de leis que cada goberno interpreta o seu antollo. Eu, hoxe, precisaba falar das cousas da alma.

domingo, 5 de diciembre de 2010

Palabriñas nosas

Somos galegos,e a moita honra. Por iso temos unha lingua nosa. E, unha maneira de utilizala moi particular.
Por exemplo, quen pode dicir con tanto aplomo aquilo de "eu non creo nas meigas, pero habelas hailas". En primeiro lugar, porque as meigas son nosas. Noutras partes do mundo, chámanlle "bruxas", "fadas", "adiviñas"... Mais nada que ver coas nosas mulleres máxicas. Estas son froito do lugar que as viu nacer. Os poderes nacen con elas, porque forman parte da súa propia enerxía.
Podemos crear lendas como a de San Andrés de Teixido, aquela que dí que "vai de morto o que non vai de vivo". Facendo honra a ese dito, fixen eu unha viaxe a ese lugar. Porque a miña avoa, que xa contaba moitos anos, pediume que fora alí e encendese unha vela por ela. A verdade, é que non me importou moito, entre outras cousas porque xa estivera e decidín que era un lugar paradisíaco. Mais iría de bo gusto se fose de outro xeito, debido o motivo que impulsaba a viaxe. Polo menos, ela quedou satisfeita.
Tamén miña avoa repetía constantemente "se queres ser bo, ou morras ou te vaias". Verdadeira esta sentencia. Absolutamente certa. Penso que todos tivemos constancia da súa veracidade nalgún momento das nosas vidas.
Os galegos tamén contestamos con preguntas, berramos para pedir silencio, queixámonos cando chove e pedimos choiva cando fai frío.
Quedamos no currunchiño, xogamos as agochadas, e, de vez en cando, ven un barco negro e inventamos un campo de traballo onde é imprescindible vestir de branco.
Pero tamén temos mestres da costura, políticos no goberno, escritores célebres, periodistas reputados e homes e mulleres que se sinten ... donos do seu presente e capitáns do seu futuro.

viernes, 3 de diciembre de 2010

A vida é un milagre

Ese é o título dunha película de Emir Kusturica, un músico e director de cine serbio. Mesmo me fascina esa banda sonora, de feito, é a que forma parte do meu perfil de audio.
Mais hoxe, vou utilizar esa frase para demostrar que vivir é un milagre. Sí señor, un milagre. Se eres traballador, dependes de que o teu xefe non te despida por quen sabe qué cousas. Se eres un bo xefe, preocupache ter que despedir empregados por non poder pagarlles. Pero se eres controlador aéreo, fas folga porque... polo que sexa. Fas folga, e mantés os aeroportos saturados, con pasaxeiros desesperados, e empregados desbordados.
Agora, o milagre máis grande é ter que comer sen ter un duro no peto, ou durmir a cuberto sen ter teito no que acubillarte, ou permanecer alegre cando a túa vida está ameazada por un mal calquera...ou parecer enteiro cando por dentro estás desfeito.
Eu son deísta, non debería crer nos milagres. Pero, cómo me vou resistir a semellante satisfacción. Porque, aínda que éstes se basen en imposibles, a esperanza é o último que se perde.
Dicídeme a verdade, non esperades un milagriño na vosa vida? Seguriño que se estades nun aeroporto a estas horas... Sinto, sinto moito... Sempre vos pode acontecer un milagre.

jueves, 2 de diciembre de 2010

Karaokeando

Seguriño que non son, nin por asomo, a mellor cantante do mundo. Por non ser, non son nin afeccionada. Aínda que, estando no colexio, pertencía a coral, e, ata facía de voz solista.
¿Onde ficou aquela voz de anxiño? Porque o que sei é que agora a miña gorxa quéixase a esgalla cando me paso facendo gorgoritos. Sobre todo, a partir do mércores, debido o volume da miña voz para ser oída entre tanto infante desaforado.
Pero, sexa como sexa, últimamente, comezo a ter adicción polo karaoke. Ben, unha adicción que non vai máis alá de visitalo tres ou catro veces. Pero, ante a próxima aparición por alí, que está prevista para o sábado 11 de decembro, atópome encantada.
E, se o señor Ignacio lé isto, non opinará o mesmo, pois a miña amiga Ana, sabe ben a qué me refiro. Creo que conseguimos incomodar o home, cando destrozamos, e nunca mellor dito, a canción Y.M.C.A. dos Village People. A cousa, é que bailar e cantar a vez é moi complicado. E,se sumamos a dificultade de cantar en inglés, ata penso que saímos un pouco victoriosas.
Claro que, Ignacio canta a Frank Sinatra con moito estilo, máis, todas a veces que tivemos o pracer de velo, repitiu tema. Polo tanto, nós actuamos de mulleres innovadoras, cambiando de estilo, bailando, facendo duetos ou tríos... e dando un espectáculo canto menos, gracioso. Seguro que cómico dabondo para que a xente enrolada se rise con nós, que non de nós.
Esta vez, a miña volta o lugar en cuestión, vai ser con outra compañía. Pero coas mesmas ganas de pasar un momento marabilloso. Nenas... a por todas.

miércoles, 1 de diciembre de 2010

Capicúas

Hoxe adícolle este blog os números capicúas. A verdade, é que a idea xurdiu así, de súpeto, en canto entrei neste espazo. A razón é que o marcador de visitas hoxe reflicte o 777.
Desde pequena, tiven paixón por este tipo de cifras. De feito, teño tendencia a mirar as matrículas dos coches, ou calquera combinación que poidera reflexar un capicúa.
O 777, gústame ademáis polo número que se repite, o 7. Penso que é elegante na súa forma, simple na súa construcción, e, ademáis era o preferido da miña nai. Ela sempre dicía que se un día lle acontecía algo bo, había de ter que ver con número en cuestión.
De cativa, unha amiga miña dicía que, se te atopabas de súpeto con un número capicúa, ías ter moita sorte.
Na miña vida, as ocasións nas que ditas combinacións se cruzaron no meu camiño, serviron para satisfacer a miña sensación de benestar porque me agradan. Pero non creo que cambiaran a miña traxectoria.
De todos os xeitos, alegroume atopar esta cifra a carón do meu blog. Polo tanto... aportou unha pequena chispiña a miña vida.